Editorial


2009, ano da ciencia, da astronomía, da creatividade e da innovación.
A aventura de investigar.


            Como ben sabedes, a asemblea xeral da ONU declarou o 2009 Ano da Astronomía conmemorando  que hai catrocentos anos a un tal Galileo Galilei se lle ocorreu inventar un novo instrumento astronómico ao que lle chamaría telescopio. Pretenden con isto nesta ilustre organización estimular o interese pola ciencia en xeral, especialmente entre os máis novos. Por outra banda, a proposta da Comisión Europea, o ano 2009 tamén foi elixido como o “Ano Europeo da Creatividade e a Innovación”, coa intención de impulsar a capacidade de creatividade e innovación dos cidadáns.

            No colexio Guillelme Brown celebramos e apoiamos estas iniciativas ao sentirnos sumamente identificados cos propósitos que perseguen. Dende as nosas orixes estamos a defender unha metodoloxía baseada na manipulación de obxectos, na vivenciación, na consulta, na importancia de aprender a pensar entendendo que o alumno é por riba de todo un suxeito activo, capaz de pensar de forma reflexiva e autónoma.

            “Buscade, consultade, amosade curiosidade, sede críticos…”, constantemente estámoslles a repetir ata a saciedade nas aulas. Baseándonos no método científico cando se idea unha proposta de traballo, o alumno acepta a tarefa de investigar coma un reto que pouco a pouco se vai transformando nunha apaixoante aventura na que se verá irremisiblemente atrapado. E cando ese reto alcanza un final exitoso semellará ser para el unha fazaña, un logro tanto a nivel persoal como de todo o grupo que se embarcou no proxecto.

            A prioridade fundamental do profesor consiste en axudalos, ensinarlles pautas sobre o procedemento da investigación de forma que se adapte ás súas idades  e orientalos sobre que recursos deben utilizar, porque á fin, eles son os auténticos protagonistas, pequenos e non tan pequenos investigadores que van descubrindo que ¿por que non?, nas aulas tamén é posible aprender de xeito diferente e divertido.

            Se potenciamos as aptitudes creativas básicas dos nosos alumnos, nun futuro non moi lonxano a nosa sociedade sairá claramente beneficiada, porque necesitamos persoas que estean abertas a novas ideas que promovan a investigación, a innovación e a participación activa nunha sociedade culturalmente diversa e baseada no coñecemento. Ao igual que a ONU e a Comisión Europea, nós dende aquí  tamén tentamos poñer o noso gran de area para conseguilo.

            Para rematar, recupero por enésima vez unha frase milenaria de Confucio da que sempre nos apropiamos no colexio e que resume o que vos estou a dicir:

                “Contáronmo e esquecino, vino e entendino, fíxeno e aprendino”
                                                          
                                                                                              José Ramón Díaz González.

0 Response to " "

Seguidores

Datos personales